son...
Carlos Coira
Editor, libreiro e mago comenzou a actuar no ano 1993 mentres estudaba filoloxía en Santiago de Compostela.
No ano 2001 chámano para facer maxia nunha gardería e decide montar un espectáculo co clown Jorge Yáñez e a narradora Fátima Fernandez, e así naceu a compañía Asesoría Contable Federico Pérez.
Dende ese momento xa non abandonará o teatro para público infantil e familiar.
No ano 2003 funda a Compañía Matapiollos Teatro na que monta pezas como Unha de contos, Mario, Flis-fli-ris-flás, ou Abrapalapra.
En 2018 promove esta nova compañía chamada Pínconús e logo dos espectáculos unipersonais, Abrabebé e Basilicamente, agora estréase no musical co resto dos cidadáns de Pínconús.
Ana Carreira
Actriz, narradora oral e escritora; é titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección de Escena e Dramaturxia.
Ana comezou a súa andaina como actriz no ano 1992 da man de Achádego, pasando nos anos seguintes pola compañía da USC ou, polas Ultranoites da sala Nasa. En 1994 funda a compañía Ubú Teatro coa que nos últimos anos percorreu toda Galicia coas montaxes de Leonardo e os fontaneiros ou A galiña azul.
É coñecida tamén como unha das máis prolíficas narradoras orais, actividade que compaxina nos últimos anos coa dramaturxia.
No ano 2019 converteuse en cidadá de Pínconús e seguro que esta peza será a primeira de moitas.
Carlos Rebolo
Carlos é unha figura imprescindible na escena teatral lucense dende hai moitos anos. No ano 2018 estrea Cinco Minutos sen respirar, primeira obra da compañía Ítaca Teatro, da que é fundador.
Por outra banda, dirixe a compañía do Hospital Universitario Lucus Augusti, labor que compatibiliza tamén coas de actor e director de Hipócrita Teatro de Lugo, da que é membro fundador (2004).
Protagonizou pezas de distintos xéneros, entre as que cómpre destacar Marco Antonio e Cleopatra, Homes en escabeche (Premio Manuel Lugrís 2012 ó Mellor Actor), Emperador, que pensas? Fala! ou Unha historia con pau, nas que explora diferentes rexistros.
Nos últimos anos asistiu a diversos cursos de artes escénicas, algúns organizados pola ESAD e, dende o 2014 acode ao obradoiro de formación actoral impartido por Elea López á compañía Hipócrita Teatro.
Neste 2019 sube ao tren con destino a Pínconús./p>
Marga Portomeñe
Profesora de teatro, directora do grupo de teatro de maiores de Rábade, e actriz.
Empeza no teatro no instituto da man da profesora Mavisa e segue na aula de teatro do campus de Lugo. Foi tamén actriz no grupo de teatro amador Achádego.
É cofundadora do grupo Ubú teatro.
Dende o ano 2000 é artesá bonequeira e compaxina este traballo co de deseño e fabricación de atrezzo e vestiario teatral.
Marga tamén colle este tren a Pínconús con toda a ilusión e as ganas.